Actualmente os escolares galegos teñen unha saúde bucodental equiparable á dos escolares dos países europeos máis avanzados neste campo, unha das principais razóns deste importante avance foi o incremento da educación para a saúde bucodental na escola. Buscouse principalmente a prevención da carie dental, para o que durante case 20 anos se achegou flúor ás pezas dentais, coa promoción dunha dieta non carioxénica, e co fomento dunha hixiene oral efectiva e despois de cada comida. Para todo isto a importancia da comunidade educativa foi, e continúa sendo, indiscutible.
Tamén se creou unha rede de Unidades de Saúde Bucodental en Atención Primaria onde, ademais de consultas preventivas individuais con tratamentos protectores, tamén se atalla a evolución da carie dental cando esta xa está presente, mediante o tratamento máis axeitado en cada caso.
A achega de flúor xa non é necesaria actualmente, pero segue sendo preciso continuar coa tarefa educativa das sucesivas xeracións, inculcándolles hábitos hixiénicos adecuados e minimizando o consumo de alimentos carioxénicos. Tamén se segue a mellorar e incrementar os coidados preventivos profesionais levados a cabo nos servizos de Atención Primaria.
De todo isto seguen dependendo os actuais niveis saúde bucodental na nosa comunidade e a súa mellora de cara ao futuro. Por esta razón, gustaríanos seguir contando co esforzo e colaboración da comunidade educativa galega, para o que poñemos á súa disposición esta aplicación multimedia de xogos educativos adaptados aos diferentes niveis de educación infantil e primaria, onde se repasan, dun xeito divertido e ameno, os principais conceptos que se deben coñecer en materia de saúde bucodental, no marco da educación dos nosos menores.
Elixe a resolución da túa pantalla e fai click nela, feito isto abrirase a imaxe nunha nova pestana do navegador, unha vez teñamos o fondo de escritorio aberto facemos click co botón dereito do rato e pulsamos en "Establecer como fondo de escritorio" e xa está!
Permitida a reprodución non comercial, para uso persoal e/ou fins educativos.